6 de decembro de 2015

XA PODEDES DESCARGAR O AGUILLÓN EXPRESS OUTONO 2015

PREMEDE NA IMAXE
https://sites.google.com/site/bngxove/arquivos/AGUILLÓN EXPRESS OUTONO.pdf
 

28 de agosto de 2015

24 de maio de 2015

22 de abril de 2015



O BNG de Xove presentou unha candidatura moi renovada e con vocación de goberno

O BNG-ASEMBLEAS ABERTAS de Xove presentou hoxe a súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais de maio. Foi nun acto convocado no Salón de Actos do Centro Cívico que logrou congregar numeroso público.

O BNG presentou unha candidatura que ilusiona, con xente nova e onde catro das persoas que ocupan os once primeiros postos non foron nunca nunha lista electoral. Marco López foi chamando un por un aos compoñentes da candidatura e conseguiu emocionar o numeroso público asistente ao dedicarlle a cada un dos integrantes da lista unha sincera descrición das súas virtudes, apoiada en grandes fotografías dos candidatos que se proxectaban detrás deles.

Marco López foi moi duro con aqueles que “xustifican con argumentos baleiros” a emigración da xente moza, “unha sangría que incluso fai caer as doazóns de sangue”, lembrou, “debido á perda continua, pinga a pinga, dunha poboación xuvenil que nos está deixando sen país”. E co ánimo de facer socialmente visible este gran problema, o aspirante á alcaldía tivo unhas palabras especiais para dous rapaces e unha rapaza (Samuel, Anxo e Sara), emigrados no Reino Unido na busca de traballo e melloras laborais, que decidiron apoiar o proxecto nacionalista en Xove concorrendo ás eleccións como suplentes. “Somos homes e mulleres comprometidos e traballadores”, dixo Marco, “somos xente que realmente queremos mudar as cousas, pero sobre todo somos un equipo unido, con iniciativa política, capacidade de xestión e recoñecida solvencia nas nosas respectivas actividades profesionais”, sentenciou o candidato á alcaldía.

Ademais do cabeza de lista, Marco López, tamén se dirixiron aos veciños Fernando Suárez e Xosé López Hermida. O alcalde de Ribadeo díxolles aos xovenses que “elixir o BNG, elixir a Marco López como alcalde, é elixir a unha persoa con boas ideas e mellores argumentos”. Xosé Hermida acusou os populares de non teren “proxecto político ningún para Xove”, de gobernaren “por arroutadas”. O número dous da candidatura resaltou que “é a hora da ideoloxía: é tempo de saber onde estamos e decidir cara a onde queremos camiñar”.

CANDIDATURA DO BNG-ASEMBLEAS ABERTAS DE XOVE:

1.        Marco López López (Funcionario da Administración de Xustiza)
2.        Xosé Manuel López Hermida (Profesor de Ensino Secundario)
3.        Carlos Fernández Louzao (Xefe de equipo de mantemento en Alcoa)
4.        Luísa Pernas Quelle (Oficial de Procurador dos Tribunais)
5.        Patricia Eijo Gómez (Estudante de Ciencias Políticas)
6.        David Díaz Meitín (Operador de Produción en Dixestión – Alcoa)
7.        Belén González Martínez (Licenciada en Matemáticas)
8.        Rodrigo Baño Pena (Operador de Produción en Dixestión – Alcoa)
9.        Laura Vilasa Abad (Diplomada en Educación Infantil)
10.    Xosé Luís Vale Blanco (Técnico de calidade en Conservas Albo)
11.    Cristina Lestegás Pérez (Licenciada en Filoloxía Inglesa – Profesora de linguas)

SUPLENTES:

1.        Xosé Durán Cao (Xubilado de Alcoa)
2.        Yobana González Castro (Auxiliar de farmacia)
3.        Xosé Antonio Alonso Salgueiro (Xubilado de Alcoa)
4.        Augusto Albo Ocampo (Mecánico en Bidueiros)
5.        Natalia Fernández Álvarez (Xubilada por incapacidade laboral)
6.        Samuel Ben Conde (Camareiro nun Starbucks de Manchester – Reino Unido)
7.        Anxo Novo Mejuto (Enfermeiro no hospital de King`s Lynn – Reino Unido)
8.        Sara Rey Balseiro (Pedagoga Terapéutica nun colexio de Reading – Reino Unido)
XÁ SE PODE DESCARGAR O AGUILLÓN DE ABRIL 2015.
 PREME NA IMAXE.
https://sites.google.com/site/bngxove/arquivos/aguillon 2015.pdf

9 de febreiro de 2015



MARCO LÓPEZ REPITE COMO CANDIDATO Á ALCALDÍA DE XOVE

A Asemblea Local Nacionalista de Xove designou por unanimidade como candidato polo BNG-Asembleas Abertas á alcaldía de Xove a MARCO LÓPEZ.

DECLARACIÓNS CANDIDATO:
Unha boa parte do pobo de Xove ten un vicio confesable: adoitan votar por uns e, cando teñen algún problema, acoden cabo doutros para solucionalo. Eu acepto a miña responsabilidade e preséntome a estas eleccións, como xa fixen no 2011, porque quero asinar un contrato coa nosa veciñanza. Pero se algo aprendín dos meus predecesores (Bouza e Durán) é que o meu tempo é ouro. Se o pobo de Xove non respalda a miña candidatura, o que non vou facer é quitarlle tempo aos que sí que me queren como fillo, como marido, como irmán, como xenro, como amigo… Non hei caer neste tipo de erros, que outros cometeron e dos que me consta que se arrepentiron. No caso de non acadar a alcaldía, o meu traballo ha ser o dun concelleiro fiel ao seu electorado e ao seu pobo, nin máis nin menos.

A paralización do concurso eólico polo Goberno de Feijoo supuxo a perda dun investimento de 1000 millóns de Euros na comarca da Mariña. Este investimento supoñía  a creación de 2000 empregos na nosa bisbarra, moitos deles en Xove. E, a maiores, o 40% dos beneficios que ían supoñer os aproximadamente 90MW de titularidade pública que reverterían en investimentos nos concellos nos que se instalaran e tamén nos propietarios dos montes. As consecuencias económicas da decisión do PP de anular o concurso eólico promovido polo BNG afectou de xeito importante a diferentes sectores económicos da nosa comarca.  

Coa anunciada anulación do concurso eólico, a Xunta de Feijóo, coa aquiescencia do Concello de Xove, anulou tamén os investimentos dos plans industriais a desenvolver polos gañadores deste procedemento de concurrencia pública. Perdéronse máis de 5000 millóns de Euros a investir en todo o país, 1800 € por cada habitante de Xove. Por certo, a participación pública galega permitiría que a Xunta investise 15 de cada 100 € obtidos polo noso vento no financiamento dos servizos públicos dos galegos: dependencia, sanidade, educación… Ingresos todos que se perderon. As medidas para atallar a crise económica non caen do ceo, e agora preguntámonos que porque estamos tan mal. E asustámonos pola viabilidade de Alcoa, pero cando desde o nacionalismo galego quixemos desenvolver outra industria alternativa e complementaria para A Mariña desde o Goberno galego, o PP desmantelouna. Por certo, que no 2012 o Tribunal Superior de Xustiza declarou legal o concurso eólico, dándonos a razón aos nacionalistas.

Asemade, cómpre avanzar na creación de alternativas de futuro para a comarca da Mariña. Xove foi sempre un concello pioneiro nestas alternativas, e isto é algo que se debe recuperar por parte dos poderes públicos. A apertura dunha superficie portuaria como o dique norte de Morás abriría dinámicas para o desenvolvemento doutras industrias paralelas, permitiría a internacionalización dun sistema tan importante para Xove e a súa contorna como é a industria forestal, a través da exportación de madeira en barcos de gran tonelaxe que hoxe se fai imposible por non termos un porto das dimensións que se precisan. Este porto sería o único destas dimensións entre Ferrol e Xixón.

Os populares están avanzando tamén na eliminación de servizos sanitarios básicos na Mariña. Non sei ben a quen felicitar. Aos taxistas? Eles tamén teñen que vivir, non si? Aínda que ben pensado, así tamén gañan os hosteleiros da cidade da muralla. O que sei de certo é quen perde: NÓS. Pero non os do Bloque, eh? Todos nós. As maiorías absolutas teñen un perigo enorme, adoitan converterse en oligarquías.

Ao can de Paulov, aquel que babexa cando sinte as badaladas da campá que anuncia a hora de comer, tamén se lle podería denominar “o can de palleiro”. Porque aquí acontece algo semellante, xa non como individuos, senón como pobo.

Eu intentei nestes case seis anos que levo á cabeza do BNG de Xove (dous como responsable local e case catro como portavoz do Grupo Municipal Nacionalista) facer visible a nosa alternativa de cara á sociedade. Este traballo por e para Xove sei que está a ter éxito, pero quérovos lembrar que desde a oposición temos pouca marxe de maniobra. As cousas non son máis o menos difíciles, senón que requiren para logralas máis ou menos traballo, pero para iso o nacionalismo galego necesita medrar en apoios no Concello de Xove.

Hai unha característica que é común a moitos Gobernos do PP, e o de Xove non se salva: a ansia por destruír. A preferencia por derrubar en vez de crear. Porque é moito máis doado pechar un negocio que botalo a andar. É moito máis doado matar que parir.


O Grupo Municipal Nacionalista na Corporación Municipal de Xove, ao abeiro da lexislación vixente, presenta o ROGO que segue:

Desde o Concello de Xove edítase todos os anos un calendario que se reparte a todos os fogares do municipio. Nos “créditos” do almanaque  deste ano consta que a edición da publicación corre a cargo do Concello de Xove (Departamento de Cultura), e aparecen os nomes das persoas promotoras do anuario, diferenciando a responsabilidade política (o alcalde-presidente Demetrio Salgueiro e a concelleira de Cultura Mª Dolores Meitín) da dirección/maquetación da obra (Lucía Sánchez Meitín). Debido a que supoñemos que estas identificacións consentidas figuran ao efecto de recibiren tanto os posibles parabéns como as posibles críticas de xeito persoal, ROGAMOS que en vindeiras edicións do calendario oficial do Concello de Xove se estabelezan con rigorosidade as datas de marcado carácter festivo ou de celebración, xa que, tal e como se reflicte no almanaque, nin o 4 de marzo (mércores) é Martes de Carnaval nin o 5 de marzo (xoves) é Mércores de Cinza. Así e todo, queremos felicitar ao equipo de goberno porque o día 2 de abril (xoves) en efecto é Xoves Santo e o día 3 de abril (venres) tamén é Venres Santo.
Asemade, e ao abeiro da rigorosidade que esiximos para unha publicación do noso Concello (aínda que habería que debater polo miúdo se é necesaria ou non), ROGAMOS a estandarización onomástica para futuras edicións dos nomes do santoral que aparecen no almanaque. No calendario 2015 figura “San Benvenido” en lugar de “San Benvido”, “San Benito” no canto de “San Bieito”, “San Martín” por “San Martiño”, “Catalina de Siena” en troques de “Catarina de Siena”, “San Felipe” en vez de “San Filipe”, “San Benedicto” por “San Benedito”, e así poderiamos continuar coa deturpación de multitude de nomes. Tamén se pode comprobar no anuario que non priman a elección dos antropónimos xenuinamente galegos, chegando a mesturalos e deformalos, como ocorre nos casos de Cidre, Xoán, Madalena, Agostiño, Tomé, Guillerme, Paio, Vicenzo, Paulo, Sabela, Firmino, Hadrián, Cristovo, Henrique, Aleixo, Fiz, Domingos, Lourenzo, Xaquín, Helena, Bernal, Bartolomeu, Artur, Tegra, Tareixa, Duarte, Erea, Calisto, Margarida, Vitorio, Alberte, Icía, Clemenzo, André, Sadurniño, Vítor, Nicolao, Macías, e outros moitos.
Por estas razóns, reiteramos o noso ROGO para que polo Goberno municipal se corrixan as eivas detectadas desde hai anos en relación á  onomástica do calendario, facendo prevalecer os antropónimos marcadamente galegos. Así como que desde as concellarías municipais se promovan de xeito oficial os nomes orixinais en galego, para o que achegamos unha ESCOLMA BREVE cunha selección de 130 antropónimos con algunas das súas equivalencias ou variantes noutras linguas, todo isto co obxecto de amosar a total colaboración do Grupo Municipal Nacionalista.

2 de xaneiro de 2015



O servizo público de Correos

Dende o ano 2000, en que Correos pasa a constituírse como sociedade anónima, desaparece a Relación de Postos de traballo (RPT) que ten calquera administración. Esta modificación produce efectos demoledores nos cadros de persoal neste servizo de carácter estatal, destruíndose no último lustro entre 13.000 e 14.000 postos de traballo en todo o Estado, segundo as memorias publicadas pola propia empresa. Unha etapa na que o Servizo Estatal de Correos estaba dirixida polo actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que converteu o que era un servizo público nunha entidade empresarial privada.
Na provincia de Lugo suprimíronse 29 prazas oficialmente, aínda que esta cifra non é real debido a que (a pesar de non desapareceren oficialmente) estas prazas non se cobren con novos profesionais, senón que se producen acumulacións de tarefas no persoal restante. Comparando os censos de persoal na provincia de Lugo, entre persoal funcionario e laboral, destruíronse 121 postos de traballo nos últimos dous anos.

En concreto no noso concello suprimíronse repartos en Xove e Xuances, e reduciuse persoal na Unidade de Viveiro (2 prazas), oficina da que depende a nosa de Xove. O reparto destes servizos é encargado ao resto de compañeiras. Ademais reducíronse horarios de apertura de oficinas no concello de Xove, pasando a modificarse o horario de atención ao público para quedar fixado entre as 09:00 e as 10:30 horas unicamente, obrigando á poboación a trasladarse ás oficinas principais para moitos envíos e que, no caso do noso municipio, se sitúa a 10 Km., no concello veciño de Viveiro. Todas estas reducións foron practicadas pola empresa entre os anos 2013 e 2014.
Desde o Bloque Nacionalista Galego de Xove consideramos que estamos diante do progresivo desmantelamento do servizo de Correos que, desde a súa conversión na actual Sociedade Estatal Correos e Telégrafos de participación público-privada, actúa con ánimo mercantilista, obviando a súa función pública e de cohesión territorial para evitar a marxinación e desatención da poboación, especialmente daquela que vive no medio rural.